No Concello de Vilaboa, a pouca distancia do parque de Cotorredondo, existe un espazo de interese natural e etnográfico: as Salinas do Ulló. Forman parte da rede natura 2000, lugar de importancia europea polos seus valores naturais.
Foron construídas no século XVII aproveitando a marisma formada polos regos Tuimil e Villil, na Enseada de San Simón.
O espazo ten un importante interese ornitolóxico, xa que a marisma é o refuxio e zona de nidificación de moitas aves durante todo o ano.
Na visita pódese percorrer o dique das salinas, ver os restos do antigo muíño de maré, as ruínas da Granxa das Salinas, e por suposto a observación da fauna e flora.
Pode realizarse a visita ás Salinas soa ou en combinación con algunha actividade no parque de Cotorredondo.