O Parque da Natureza do Lago Castiñeiras está situado no outeiro do monte San Xulián, en Cotorredondo (Pontevedra).
Emprazado na zona central da Península do Morrazo, pertence a dous termos municipais: Concello de Marín (na parte Norte) e Concello de Vilaboa (cara ó Sur). Ocupa na actualidade unha superficie de 70 Ha, e se atopa a unha altitude media de 400 m. sobre o nivel do mar.
No parque existen interesantes xacementos arqueolóxicos do período Megalítico e da Idade do Bronce, como mámoas e petróglifos, que conforman o chamado “Chan de Castiñeiras”, presidido pola “Mámoa do Rei”, unha das máis grandes de Galicia, recentemente restaurada.
O Parque constitúe unha importante zona de refuxio e cría para centos de especies de animais silvestres. No lago crían de xeito estable parrulos, e os regatos que o alimentan e a xunqueira acollen zonas preservadas para a cría de numerosos anfibios.
Os réptiles están representados en gran variedade de especies de lagartos, lagartixas cobras e lucións.
Un contorno forestal diverso atrae a ducias de especies de aves en todas as épocas do ano, e son cada vez máis frecuentes as visitas de mamíferos que nos deixan o sinal do seu paso nas pegadas e rastros que podemos atopar.
No interior do parque pódense atopar mais de 40 especies diferentes de árbores e arbustos, así como plantas, fieitos, musgos, liques, fungos e algúns cogomelos.
Destacan exemplares de grande interese botánico que forman unha complexa e harmónica rede de microsistemas forestais.